Monday 29 de April de 2024

A Coruña acolle este venres unha edición especial de verán da Friday Mobility Night


As persoas que desexen participar deberán acudir cunha indumentaria propia desta estación do ano

Este venres, 30 de xuño, A Coruña acolle unha nova edición da Friday Mobility Night, organizada por Galicia Rollers en colaboración co Concello.

Nesta ocasión esta ruta ciclable terá unha temática de verán. As persoas interesadas en participar deberán vestir prendas típicas desta estación: vestido ou camisa floral, gafas de sol, bolsas de praia, toallas, pareos, gafas de mergullo ou flotadores.

Como é habitual, a ruta sairá e chegará a María Pita. Percorreránse 15 quilómetros pola cidade, transcorrendo maioritariamente por carril bici e carril 30. Esta nova Friday Mobility Night, que terá lugar un venres de cada mes, volverá contar cun grupo de persoas voluntarias que se encargarán de guiar a marcha conxunta. Ademais, tamén haberá axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil.

A dificultade da ruta é media e a súa duración será de aproximadamente dúas horas. A inscrición é gratuíta e pode facerse na páxina web de Galicia Rollers. Para participar non é necesario usar unha bicicleta, tamén son válidos os patíns, patinetes eléctricos ou patinetes.

Esta actividade, promovida polo Goberno de Inés Rey, está integrada no plan Coruña Cidade 30, da Concellaría de Mobilidade. O seu obxectivo é promover o uso dos patíns e outros vehículos alternativos como medios de mobilidade sostible.